Thursday 16 de May de 2024

As III Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia reparten 4.000 racións de arroz e empanada con fins solidarios


 

Todo o recadado será doado á Cruz Vermella de Noia e Cáritas Noia

As III Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia puxeron esta mañá o seu broche de ouro coa tradicional degustación popular de arroz e empanadas con Berberechos de Noia, que tivo lugar nunha carpa da Alameda entre as 13:00 a 15:00 horas de hoxe domingo. Un acto ao que acudiron o alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, e o patrón maior da Confraría de Pescadores San Bartolomé, Santiago Cruz, quen estiveron acompañados polos concelleiros de Cultura, José Pérez; Obras, Martín Fernández; e Comercio, Mariola López, entre outros.

Na degustación estaba previsto repartir unhas 4.000 racións de arroz e empanada, acompañadas por pan de trigo e millo e regado por auga ou viño da terra. A pesar da gran afluencia de comensais, pois por momentos a cola deu a volta aos xardíns de San Felipe, a espera non era moi longa xa que, mentres uns recollían as racións, outros entregaban a súa doazón de 1 euro a beneficio da Cruz Vermella de Noia e Cáritas de Noia.

O tempo acompañou o que fixo que se encheran non só as mesas habilitadas pola organización ao longo da Alameda, senón tamén os bancos e outros lugares dos arredores, que foron empregados como mesas. O grupo folclórico Cherumia foi o encargado de poñer a nota musical.

Con esta degustación péchanse as III Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia, organizadas pola Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia en colaboración co Concello de Noia, a Sociedade Liceo de Noia, o Museo do Mar de Noia, a Consellería do Mar, a Deputación da Coruña e o Grupo de Acción Local Costa Sostible.